Thursday 16 de May de 2024

A Xunta impulsa unha Lei de economía social que dará maior representación ás 7.000 entidades que existen en Galicia e potenciará as cooperativas xuvenís


 

O titular da Xunta destaca a posibilidade de que os mozos podan crear cooperativas con capitais inferiores aos actuais: “O capital social mínimo será de 300 euros, cando ata agora o capital social mínimo era de 3.000 euros”, di

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o inicio da tramitación da Lei de economía social que dará maior representación ás 7.000 entidades que existen en Galicia e potenciará as cooperativas xuvenís. “Unha norma –dixo- que busca regular a representación dun sector que cada vez ten un peso máis importante non só social senón tamén económico; que persegue facilitar estas fórmulas como instrumento útil para mellorar a economía de Galicia; e, sobre todo, que fomenta o carácter social destas entidades, que deben ser coñecidas e valoradas”.

No tocante ao primeiro aspecto, Feijóo explicou que a nova norma garante a representación dun sector que engloba a 7.000 entidades, pero que ata agora se atopaba moi disperso, pola diversidade das entidades que o conforman: cooperativas, sociedades laborais, asociacións e fundacións con actividade económica, comunidades de montes veciñais en man común, confrarías de pescadores, sociedades agrarias de transformación, ou empresas de inserción e centros especiais de emprego.

Diante deste panorama, o titular da Xunta subliñou que un dos primeiros obxectivos da Lei será o impulso de estruturas representativas e de presenza institucional, que permitan recoñecerlle ao sector o peso específico que lle corresponde pola súa presenza na sociedade galega, e permitíndolle así participar nos foros onde se deseñan as políticas que lles afectan.

Con este propósito, a normativa creará o Consello da Economía social de Galicia, composto por representantes da Administración autonómica (10), da economía social (11), da Fegamp (1) e das universidades de Galicia (1), e que coordinará as actuacións para o fomento e promoción destas entidades, e velará pola axeitada aplicación dos principios da economía social en xeral, e da lei en concreto.

O novo texto pretende tamén fomentar estas fórmulas como instrumento útil desde o punto de vista económico. Así, recolle o obxectivo de promover instrumentos de financiamento orientados ao lanzamento de novos proxectos de emprendemento colectivo, tales como programas de microcréditos e fondos de capital risco; e impulsa a figura da cooperativa xuvenil, é dicir, cooperativas constituídas maioritariamente por mozos de entre 16 e 29 anos.

Entre as medidas para impulsar as cooperativas xuvenís, Feijóo destacou a posibilidade de que os mozos podan crear cooperativas con capitais inferiores aos actuais. “Así, o capital social mínimo será de 300 euros, cando ata agora o capital social mínimo era de 3.000 euros”, explicou.

Outro dos obxectivo da lei é, segundo abundou o responsable do Goberno galego, fomentar o carácter fundamental das entidades ás que vai dirixida, que é o seu carácter social. E, para acadar este fin, o documento contén dúas medidas: medidas para propiciar o seu coñecemento e valoración por parte da sociedade desde o principio, incluíndo a introdución da economía social nos plans de estudos, en particular, nos niveis previos ao acceso ao mundo laboral e na formación para o emprego, co fin de estimular o emprendemento xuvenil.

Para estimular estas entidades e os seus valores sociais, a normativa tamén contempla a promoción da introdución de cláusulas sociais que favorezan a participación destas entidades na contratación pública.

“En definitiva, seguimos cumprindo co calendario lexislativo a través dunha Lei de economía social que recoñeza o peso das 7.000 entidades que existen en Galicia vinculadas a este sector; que facilite o seu financiamento e con carácter concreto impulse as cooperativas xuvenís; que introduza a economía social na educación pública; e que tamén a Administración conte con elas, a través de introdución de cláusulas sociais nos contratos públicos, tal e como acordamos no Parlamento”, aseverou.

Feijóo concluíu destacando o esforzo do Goberno galego para cumprir coa actividade lexislativa comprometida para esta lexislatura. En total, no que vai de lexislatura téñense aprobado ou estanse tramitando no Parlamento un total de 18 leis, que teñen servido para intentar mellorar o impulso económico –Lei de telecomunicación, Lei de innovación, Lei do solo-; mellorar os servizos sociais públicos esenciais –Lei de universidades, Lei de inclusión social, Lei de garantías de prestacións sanitarias-; e para continuar avanzando na reforma da Administración pública, como por exemplo coa Lei de racionalización.